martes, 27 de julio de 2010

Viravolta-Seis dedos



O pasado 20 de xullo saíu en La Voz de Galicia unha reportaxe sobre a compañía de títeres Viravolta-Seis Dedos, uns clásicos do Ponte Louco, que este ano volverán a estar. Copio o texto, xa que falan de nos:


"Non é a primeira vez que Seisdedos se bota ao Camiño para representar algunha obra. Representacións que lle permite ao camiñante atopar algo máis ao final de cada etapa, cando xa restan poucos folgos, pero chega a diversión da man da compañía lalinense. Onte, en Padrón, os peregrinos foron os atentos espectadores da obra «O cego dos monifates»; teatro de rúa bululú e monicreques tradicionais.
A compañía de maese Seisdedos, cego e monicrequeiro ambulante representa usando a técnica tradicional do bululú galego na que o lazarillo manipulaba os bonecos ocultos na capa do cego, que tocaba a zanfona, contos medievais (Joan de Timoneda, Lope de Rueda...) e cancións tradicionais (O sacristán de Coímbra). Unha representación que levan a cabo dous lalinenses; os actores-manipuladores Anxo García e Fran Lareu que onte recibiron os aplausos de numerosos peregrinos entre os que figuraba un nutrido grupo de portugueses que están facendo ao Camiño a Compostela, neste Ano Santo Xacobeo. Representación na que se reflectiu a dinámica clásica da picaresca e do engano entre cego e lazarillo que desencadeou os sorrisos dos camiñantes. Trátase dun espectáculo para todos os públicos, segundo explican os organizadores, «especialmente deseñado para representar en feiras, mercados e festexos medievais». Un espectáculo que se presta para «representar ante un grupo de xente, de idades dispares, como poden ser os peregrinos».
Voltará Seisdedos a escenificar «O cego dos monifates» pero, nesta ocasión, farao en Zamora no Museo Etnográfico de Castilla y León o vindeiro 29 deste mes de xullo. Con anterioridade, o día 27, na Casa da Cultura de Ordes tocaralle o turno á obra «A caixa de música». Un mes no que figura tamén outra actuación na explanada da estación de Renfe en San Francisco, Ourense, onde o grupo lalinense escenificará «O horrorroso crime de Xan Miñoca».
A compañía segue tendo un apretado calendario de actuacións para os vindeiros meses. De feito, para o vindeiro agosto, xa ten pechadas actuacións na Pobra do Caramiñal, Ourense, Zamora, Melide, Tui, Cambre, Noia e Brión. Un ano máis acudirá ao Concello de Agolada o próximo 10 de agosto con motivo da celebración da Feira Medieval, que se desenvolverá nos pendellos, a onde levará a obra «Varietés». Por outra banda ten previsto participar tamén no Festival Ponte Louco de Castro Caldelas, que está fixado para o vindeiro 21 de agosto. E, tralo verán, xa están pechadas actuacións para os primeiros meses de outono."